O PSOE acusa a Feijóo de “insultar aos lucenses” ao “reciclar propostas como a intermodal”

O candidato lucense do PSdeG-PSOE, Luis Álvarez, reclamou servizos ferroviarios de calidade para a provincia de Lugo, logo do que cualifican como “incumprimento do Goberno de Feijóo” á hora de construír na cidade unha Estación Intermodal.

Nun mitin en Sarria, acompañado pola Alcaldesa do Concello, Pilar López, o candidato socialista por Pontevedra, Gonzalo Caballero, e o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, trasladaron “o malestar e a indignación xerada por esa mala costume de Feijóo de reciclar propostas unha e outra vez para revalidar mandatos nos que as incumpre descaradamente e sen ningún pudor”.

Álvarez asegurou que en menos de sete anos o tren duplicou o seu prezo, e que a estrutura ferroviaria cada vez ofrece menos servizos cunha supresión de liñas de transporte e restrición de horarios. “A realidade é que Lugo é a única capital de provincia galega que quedou sen Estación Intermodal nos orzamentos de 2016, tanto nos da Xunta coma nos do Estado, por moito que Feijóo veña a vender a eterna promesa que nunca chega”, remachou o candidato.

Ademais, rememorou a proposta “que fixeron hai catro anos de financiar a conexión con Ourense a través do AVE con cartos da Xunta”, unha afirmación “tan atrevida como absurda, pois unha vez rematadas as eleccións voltaron a esquecer as necesidades de mobilidade dunha poboación dispersa e envellecida, e dunha mocidade á que lle restan oportunidades polo mero feito de vivir na provincia olvidada e maltratada por Feijóo”.

Polo contrario, os socialistas explicaron a importancia de “promover un plan integral de transporte ferroviario que teña en conta non só a cidade de Lugo, senón as súas conexións con outras vilas como Sarria, Monforte ou Guitiriz”. Do mesmo xeito, tamén ironizaron sobre a promesa do desdobramento en autovía do corredor Sarria-Lugo, “se tivemos que esperar anos para que remataran o corredor, e esixir en reiteradas ocasións a posta en marcha desta estrada, con esta nova promesa, xa podemos esperar sentados”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com