O PSOE afirma que Candia cobraba dedicación exclusiva mentres tiña un traballo privado e o PP négao

O Grupo Provincial socialista asegura que Elena Candia cobraba dedicación exclusiva da Deputación cando era voceira do PP na oposición, e a súa vez  era propietaria dunha correduría de seguros en Mondoñedo. Todo isto, “sen a obrigatoria declaración de compatibilidade, que se debe propoñer e aprobar no Pleno Provincial”, segundo afirmou o deputado socialista Álvaro Santos.

Asemade, os socialistas tamen denuncian que logo de tomar posesión como Presidenta da Deputación de Lugo creou unha sociedade limitada. “O obxecto social desta nova sociedade coincide co exercicio de actividade de mediación de seguros, que Candia exercía. De feito, o domicilio desta sociedade é exactamente o mesmo que o da oficina, da que Candia é responsable”. Os socialistas piden a dimisión da Presidenta por estas cuestións.

Pola súa banda nun comunicado do equipo de goberno do organismo provincial desminten estas denuncias do Psoe e aseguran que cando exercía de xefa da oposición e voceira do PP, solicitou diante o ente provincial a compatibilidade para realizar actividade privada.

Xa Candia daba a súa versión esta mañá, logo de dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Provincial.”A miña actividade económica anterior (antes de ser nomeada presidenta da Deputación) estaba declarada xunto cos ingresos que dela obtiña. Nesta nova fase, pasei a unha cesión da miña actividade a unha sociedade da que non son administradora e da que só teño un dez por cento. Non deixa de ser unha despatrimonialización, pero tamén é certo que é de xeito absolutamente transparente, en cumplimento da legalidade”, explicou Candia.

“Esta sociedade non tivo ningún tipo de relación coa institución provincial. Na anterior etapa, a miña compatibilidade estaba informada favorablemente polo Secretario da Deputación (julio 2011). Unha actividade económica da que eu era titular, (non é o mesmo que ter un contrato de traballo para a empresa aseguradora) estaba cuberta con outro persoal e eu non participaba. Eles coñecían a miña situación do 2011 ata o 2015”.

Asemade, o goberno popular remitiu o informe favorable aos medios de comunicación e na tarde de hoxe:

“Ante as informacións difundidas no día de hoxe polo Grupo Provincial Socialista, en relación coa actividade da presidenta da Deputación de Lugo, María Elena Candia, entendemos necesario facer as seguintes precisións:

1. A documentación oficial desminte as acusacións efectuadas por responsables do PSOE e demostra que a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, non incorreu en ningún tipo de irregularidade ou fraude de lei, nin na súa etapa como deputada, nin agora que ostenta responsabilidades de goberno.

2. Elena Candia actuou en todo momento con total transparencia e fixo pública toda a súa actividade económica a través das canles establecidas, cumprindo de xeito escrupuloso con todos os requisitos, obrigas e trámites establecidos na lexislación vixente.

3. Con esta actitude o único que fan desde o PSOE é poñer en dúbida as actuacións de propio expresidente Besteiro á fronte da Deputación de Lugo, así como o recto proceder dos servizos técnicos da institución provincial, encargados de confirmar a compatibilidade. (adxúntase informe da Secretaria Xeral e Decreto de Presidencia asinado por Besteiro)

4. Tamén cómpre aclarar que, no que respecta a súa etapa como presidenta, Candia tamén remitiu á Secretaría Xeral toda a documentación relativa as súas actividades, atendendo á normativa vixente sobre altos cargos. A presidenta procedeu á transformación da súa actividade como axente de seguros a unha sociedade, da que ostenta o 10% e da que non é administradora, tal e como permite a lei.

5. En aras da total transparencia, desde a Presidencia da Deputación provincial de Lugo poñen á disposición dos medios de comunicación canta documentación proba o correcto proceder de Elena Candia e a total compatibilidade do exercicio da súa función pública e profesional, durante a etapa que foi a portavoz da oposición”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com