O PSOE Bóveda denuncia que o Concello “está baixo mínimos pola deixadez do goberno local”. A voceira municipal socialista, Carmen Macía, manifesta a preocupación que lle traslada a veciñanza.
Un dos problemas que denuncian os socialistas é a acumulación de basura nos contedores. “Sabemos que o camión que fai a recollida está avariado, pero teñen que buscar alternativas para que as bolsas do lixo non se amoreen, porque a acumulación de residuos provoca malos cheiros e dan unha imaxe lamentable”.
Tamén advirten que o Concello renovou os contadores da auga por uns dixitais, pero só nalgunhas zonas. En concreto, na parroquia de Ver non se cambiaron, e o Concello, detallan os socialistas, leva sen facer lecturas dende o mes de abril. “Os veciños e veciñas amósanse preocupados porque teñen medo de que cando lles chegue a factura sexa desproporcionada, logo de 7 meses sen facer lecturas”, din.
Así mesmo, explicaron que o Concello non cambia as lámpadas do alumeado público que están fundidas. “Hai barrios e casas que están sen luz porque non levan un control nin fan seguimento das necesidades básicas que temos no municipio”, detallan.
“Pedímoslle ao Goberno local que se poña a traballar xa”, instan dende a agrupación socialista.