O PSOE da Pobra do Brollón denuncia o “escurantismo” do alcalde ao non contestar unhas 200 preguntas sobre xestión municipal

O PSOE da Pobra de Brollón vén de denunciar que o Goberno municipal do BNG non contestou en tempo e forma ningunha das preto de 200 preguntas formuladas polos socialistas. Así o informou hoxe o voceiro do PSOE, Javier González, quen criticou que esta situación “leva acontecendo durante toda a lexislatura debido ao escurantismo que practica este goberno”. Segundo o artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local o Concello ten a obriga de contestar as preguntas presentadas no rexistro municipal nun prazo de 5 días naturais, “pero o BNG ou non contesta ou faino extemporaneamente, incumprindo a normativa vixente” criticou Javier González.

Os socialistas critican que ademais de non responder ás preguntas que se lle fan, o goberno do BNG tampouco facilita a documentación requirida para que a agrupación poida desempeñar o seu traballo. “Esiximos ao Alcalde que cumpra estritamente coas súas obrigas e deixe de menosprezar e desatender as necesidades dos veciños da Pobra do Brollón, pois moitas das preguntas que realizamos proveñen das demandas que nos fan chegar a cidadanía. O señor Maceda está traspasando os límites democráticos para esconder a súa nefasta xestión dos recursos públicos durante este mandato.”

Dende o PSOE, non “entenden” como o Alcalde non dá resposta a estas preguntas nas que os socialistas “nos interesamos” pola situación de proxectos importantes para os veciños como son as obras que executa o Concello; temas relacionados con protección civil, saneamento ou traídas de auga, así como a xestión de montes comunais.

Agardamos que a postura do BNG mude e comece a asumir as súas responsabilidades, respectando e cumprindo a lei, pois do contrario teremos que valorar distintas posibilidades para que esta situación insostible non siga ocorrendo” engadiu Javier González.

O voceiro do PSOE na Pobra de Brollón criticou tamén o horario dos plenos da corporación, que están establecidos ás 12:00 horas, o que non permite a moitos concelleiros dos distintos grupos políticos asistir por cuestións laborais. “Solicitamos unha ducia de veces ao rexedor que modificara o horario das sesións plenarias para que a totalidade dos Concelleiros poidan acudir e defender as súas propostas pero sempre se nega. Somos o único Concello de toda a zona sur da provincia con este horario. Unha mostra máis das poucas facilidades e tolerancia que amosa o señor Maceda” criticou González.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com