Os socialistas de Abadín reclaman ao alcalde que cumpra co seu compromiso de construír unha residencia de maiores no municipio. O partido levará esta cuestión ao vindeiro pleno extraordinario, que se celebrará o 9 de novembro.
Dende o PSOE afirman que o alcalde anunciou no 2021 que o consistorio crearía unha residencia no prazo de menos dun ano e que o custo, financiado polo Concello, acadaría os 1,5 millóns de euros. Segundo os socialistas, pasado o prazo do remate da obra presentaron unha nova proposta para pedir información, pero o alcalde cambiara o seu criterio. “Soubemos que xa non ía ser financiada polo Concello, que tiñan que asinar un convenio coa Consellería, e que esta ía achegar un pouco máis do 50% do orzamento total, valorado en 2 millóns de euros”, sinalou o voceiro do PSdeG no concello, Pablo Díaz.
“Non imos permitir que sexa outra promesa incumprida do alcalde como foron as axudas económicas que ía a dar aos sectores afectados pola pandemia, ou o acordo para o arranxo do céspede do campo de fútbol ou o PXOM entre outros”, sentenciou Pablo Díaz, xa que considera que esta residencia de maiores é “necesaria e demandada polas nosa veciñanza” para así ” poder atender ás persoas maiores e en situación de dependencia no noso concello”.