Os socialistas de Antas de Ulla instan ao concello a que solicite fondos europeos para rehabilitar a casa da Cultura e a casa da Hermandade, co fin de destinala a usos comunitarios. Así o avanzou onte a voceira Socialista en Antas de Ulla quen defenderá dúas mocións na vindeira sesión plenaria coas que insta ao Goberno Local a que presente estes dous proxectos para conseguir fondos europeos.
A socialista sinala que o Concello de Antas de Ulla non pode permitirse o luxo de pasar esta oportunidade de recibir fondos públicos para mellorar as nosas dotacións públicas. “Temos que aproveitar todas e cada un das oportunidades que nos presentan as diferentes administración publicas, como neste caso a Unión Europea a través dos proxectos de recuperación entre o Ministerio de Dereitos Sociais, ou a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos para Entidades Locais”, incidiu a voceira.
No que se refire ao inmoble municipal coñecido como a “Casa de la Hermandad de Labradores”, leva preto dunha década abandonada, “e sen que se proxecte sobre ela ningunha actuación para a súa conservación, mellora ou rehabilitación dende a súa adquisición fai oito anos”. Hai que lembrar que a compra deste edificio por parte do Concello realizouse a través dun convenio coa Consellería de Facenda, cunha liña de financiación que comezou no 2014, e rematará no 2023, cunha cuota media anual de arredor de 2.600 euros.
Unha oportunidade único a custe cero para o Concello
O edificio conta cunha ubicación facilmente accesible, tanto en vehículo como a pé, e está dentro do casco urbano, permitindo a rehabilitación e recuperación dun edificio senlleiro para a historia da vila. Ademais “entre toda a veciñanza existen moitas peticións para que se creen espacios de lecer e coidados para a poboación maior. E agora preséntasenos unha oportunidade única para poder dotar ao noso pobo dun centro de día, a custe cero para o Concello. Por iso, dende o Grupo Socialista defendemos insistentemente a necesaria creación deste centro para o coidado dos nosos maiores dependentes e autónomos, co fin de facilitar a necesaria conciliación laboral dos seus familiares”.
Ademais, o Grupo Socialista reclama tamén que con cargo ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos para Entidades Locais, o Concello de Antas de Ulla rehabilite a Casa da Cultura, o único espazo adicado especificamente ás actividades culturais da nosa vila.
Os socialistas sinalan que este edificio “é compartido por todos os colectivos culturais do concello, e onde ademáis alberga a Biblioteca Municipal e o punto de atención temperá á infancia. Polo tanto os usuarios destas instalacións son numerosos e converteuse nun punto de referencia no eido social, ademais de concentrar un alto número de público e de usuarios”, debido á programación e actos que se representan ao logo de todo o ano neste espacio publico.