O PSOE de Bóveda construirá un centro de día público para que os veciños non se teñan que marchar do Concello. Así o anunciou na tarde de onte a candidata do Partido Socialista á alcaldía da localidade, Carmen Macía, na presentación da lista dos socialistas para as vindeiras eleccións municipais.
No acto, tamén participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada do PSOE por Lugo no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, acompañados de veciños do municipio.
Carmen Macía subliñou que “presentamos un equipo moi ilusionado que traballará para facer fronte ao desgoberno do Alcalde do PP que durante máis de 10 anos non fixo nada porque Bóveda teña un centro de día público. Actualmente os veciños téñense que trasladar a Concellos limítrofes porque o municipio non conta con dito servizo. Dende o PSOE cremos no estado do benestar e consideramos prioritario que Bóveda conte cunha dotación que resulta fundamental para os nosos maiores. Debe ser pública e de calidade, como sempre defendemos os socialistas e como o estamos facendo dende o Goberno da Deputación. Por iso, poremos en marcha o proxecto para construír o centro de día tan demandado polos nosos veciños”.
A candidata do PSOE denunciou, asemade, o total abandono do rural por parte do Alcalde e dos concelleiros do PP. “Os veciños das parroquias de Bóveda contan cunhas prestacións moi precarias e temos que solucionalo. Para iso desenvolveremos un plan integral para mellorar os accesos, co fin de facilitar a actividade agrícola e gandeira, construiremos novos saneamentos públicos de xeito gradual, rehabilitaremos as vías e as beirarrúas do Concello, para ofrecer infraestruturas de calidade aos veciños, e ampliaremos a limpeza en todas as parroquias”.
“Reduciremos o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para aforrar custos aos veciños e poremos en marcha un paquete de medidas para abaratar os custos de produción das explotacións do Concello, e deste xeito, conseguir que as empresas da zona sexan máis competitivas. Tamén crearemos unha bolsa de emprego municipal, onde as persoas desempregadas poidan apuntarse tendo as mesmas posibilidades que calquera de acceder a un posto de traballo, co obxectivo de fixar poboación e parar a sangría demográfica”, esta foi outra das medidas que avanzou a alcaldable.
A lista
- María del Carmen Macía Rodríguez
- Roberto Carlos Piñeiro Pacio
- Gonzalo Fernández Carreira
- María Carmen Carballada Rodríguez
- Jesús González Carballada
- José Manuel González Losada
- María del Carmen González García
- Manuel Fernández López
- José López Castro
- Cristina Pereiro Rodríguez
- José Casas Franco