O PSOE de Bóveda denuncia que o centro de saúde do municipio leva toda a semana sen médico nin persoal de enfermaría.
Segundo a voceira socialista, Carmen Macía, no Centro de Saúde de Rubián si que contan cun substituto, pero non no de Bóveda, o que implica o desprazameto dos enfermos. “Nunca a atención sanitaria foi tan débil e nunca tivemos unha situación tan mala como a de agora. Antes aínda alternaban o médico substituto dalgún dos dous centros de saúde para atender a todo o municipio, pero agora nin iso: nin cobren os días libres dos médicos, nin vacacións, nin as baixas”, sinalou Macía.
Dende o partido urxen tanto ao Concello como ao Sergas que doten ao ambulatorio do persoal necesario xa que consideran que a situación “é insostible no tempo; non podemos ter o núcleo de Bóveda sen atención sanitaria”.