O PSOE de Castro de Rei presentou hoxe aos veciños a candidatura para as próximas eleccións, liderada por José Luis Castro Tellado, que debuta na política municipal. No acto participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Deputada do PSOE no Congreso, Ana Prieto, e o Deputado do PSOE no Parlamento Galego, Luis Álvarez.
Castro Tellado agradeceu a confianza depositada na súa persoa para encabezar o proxecto dos socialistas en Castro de Rei e subliñou que “presentamos un grupo moi unido, con moitas caras novas, que teñen a ilusión e as ganas de traballar por mellorar o noso Concello”.
O candidato do PSOE explicou varias das propostas que quere desenvolver como a creación de vivendas sociais no municipio, para fixar poboación, sobre todo xente nova; executar un Plan Integral para mellorar as traídas, os abastecementos e os depósitos de auga das parroquias para un correcto funcionamento das mesmas, obtendo unha mellor calidade da auga no Concello; e renovar e acondicionar as beirarrúas e o alumeados públicos, sobre todo en Castro de Rei. “Faremos todo isto porque o PP ten abandonadas as infraestruturas e dotacións públicas do rural dende que chegou ao goberno, hai 8 anos. É necesario un cambio de xestión xa para que non existan máis diferenzas entre uns veciños e outros.
Analíticas no centro de saúde de Castro de Rei e máis horas de SAF No eido do benestar, o socialista destacou que “xestionaremos coa Xunta de Galicia a posibilidade de realizar unha vez á semana analíticas no centro de saúde de Castro de Rei. É unha vella demanda dos veciños que están obrigados a desprazarse ata o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea porque no outro ambulatorio no existe dito servizo. Tamén ampliaremos o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar, achegaremos axudas ás familias en risco de exclusión social e poremos en marcha medidas para facer máis doada a conciliación laboral e familiar”.