Francisco Mon Fernández, voceiro do PSOE en Cervo, criticou esta mañá, que o Concello gaste máis de 24.000 euros en contratar un asesor para “autobombo e propaganda”, mentras mantén desatendidos, según denuncia o socialista, “outros asuntos vitais para a vila como incrementar a partida de servizos sociais ou o mantemento de infraestruturas”.
O voceiro socialista fixo esta afirmación, trala celebración do pleno ordinario de febreiro, no que o PP acordou contratar a un asesor especial para a comunicación do Concello. Neste punto, Mon Fernández puxo as carencias en inmobles municipais como no edificio do Xulgado, do que denunciou “que chove dentro”, a Praza do Souto, as instalacións da praia da Caosa, as pontes, ou as vías municipais, como exemplo de onde inverter esos 24.000 euros.
Na mesma sesión ordinaria, Mon Fernández criticou “o lavado de cara do Alcalde anunciando unha baixada de soldo. Xa que cobraba 39.841 euros ao ano e agora pasa a cobrar 39.060, polo tanto baixase 781 euros. O único que rebaixou o Alcalde foi a calderilla”, incidiu.
Ademais o PP tamén aprobou en solitario un aumento de soldo para a Concelleira de Educación, Cultura, Xuventude e Facenda, que cobraba 11.690 euros anuais e agora pasa a cobrar 15.399, o que supón un incremento de 3.709 euros. Coas cifras na man, o voceiro socialista cualifica de “esaxerado e de despilfarro”, que un Concello coma o de Cervo, con menos de 5.000 habitantes, teña órganos de Goberno que cobren máis de 115.000 euros, e ademais contraten a un asesor”.