O PSOE de Folgoso do Courel denuncia a falta de accesibilidade que teñen os veciños para entrar na oficina de Correos de Seoane debido ás obras municipais que se están realizando na rúa do núcleo rural. A voceira municipal socialista, Carmen Álvarez, explicou que “dita oficina só abre 1 hora ao día, de 10:00 a 11:00 horas. Nese intervalo de tempo estaban os operarios do Concello votando alquitrán no chan, sen ter instalada unha pasarela para que as persoas, sobre todo maiores, puidesen acceder ao centro sen dificultade”.
“Dende o Partido Socialista non criticamos as actuacións que beneficiarán aos veciños de Seoane, pero cremos que se debería ter en conta as necesidades das persoas que viven nesta zona. Existe unha falta de previsión e planificación por parte da Alcaldesa que é incapaz de coñecer o horario da única oficina de Correos de Seoane, poñendo trabas a todos os veciños que necesitan ir a correos para facer as súas xestións. Nin tan sequera ten a sensibilidade de colocar unhas táboas de madeira para facilitar a entrada. E isto ven provocado polas presas de querer facer agora, antes das eleccións, todas as obras que non fixo nestes 4 anos de mandato”.