A candidata socialista ao Congreso, Margarita Pérez Herraiz defendeu este sábado que PSOE “sempre defendeu en Madrid os intereses dos galegos”. Nunha mesa sectorial, celebrada en Guitiriz, sobre a situación da gandería e do sector forestal da provincia, Pérez Herraiz dixo que Podemos impediu un novo goberno progresista presidido por Sánchez, e con elo que se cumpriran os acordos acadados no Congreso, o que impediu chegar acordos sobre o futuro do sector lácteo na nosa Comunidade, ou sobre outros sectores estratéxicos de Galicia, como Alcoa.
Lembrou que rexistrou unha petición de Comisión de estudo do sector lácteo co fin de atopar medidas estruturais con solucións para este sector a medio prazo. Os datos, dixo, reflicten a importancia do sector primario para Galicia, xa que mentres representa o 2,3 por cento do PIB en toda España, nesta Comunidade Autónoma o seu peso duplícase, chegando ata o 4,6 por cento.
A candidata socialista ao Congreso demandou que se defina “un prezo sostible para cada eslavón da cadea de valor, e que se publiquen os prezos ao que se compra o leite”, tanto da industria como da distribución. Solicita que se publique un novo contrato tipo co fin de establecer baremos de calidades iguais para todas as industrias, e que se cree a figura obrigatoria do Mediador, con fin de que sirva para resolver os posibles desacordos entre e gandeiros e industria. Advertiu ademais que o Acordo para a sostenibilidade do sector lácteo, acadado en Galicia, incluía unha serie de medidas “pero a dia de hoxe, seguen sen cumprirse”.
As administración teñen que poñer solucións enriba da mesa
A Alcaldesa socialista, Regina Polin, explicou que o sector lácteo “é fundamental para a economía da provincia de Lugo e singularmente para Guitiriz, pola súa contribución a sostibilidade medioambiental do medio rural, xa que si diminúe a súa actividade morrería unha grande parte das zonas da nosa provincia. Si desaparece o noso rural concellos como o de Guitiriz, desaparecería”. E insistiu “non podemos deixar que o noso rural morra. Todas as administracións teñen que poñer enriba da mesa propostas e solucións para garantir a viabilidade das explotacións”.
Críticas ao presidente da Xunta
O voceiro socialista de Medio Rural no Parlamento de Galicia, Pablo García subliñou que é necesario un Plan de Inspeccións nas superficies comerciais e de control das importacións do sector lácteo. García considerou “incomprensible” que o goberno galego “continúe un ano despois sen tomar ningunha decisión nin aplicar ningunha política fronte á desaparición do sistema de cotas”. O Deputado autonómico criticou duramente ao Goberno de Feijóo e cualificou a súa xestión de “inoperante e incompetente, xa que non foi quén de facer absolutamente nada fronte á liberalización do mercado do leite”.
Pacto Social para reforzar e garantir unha prevención eficaz
Sobre o sector forestal denunciou que o PP rexeitou unha moción socialista propoñendo un pacto social dirixido a reforzar e garantir unha prevención eficaz contra os incendios forestais. Demanda a muda progresiva da política contra incendios para pasar da extinción á prevención contando cos axentes implicados no sector para elaborar e aprobar un plan plurianual de prevención de lumes forestais, con plans específicos de prevención dos espazos naturais. García propuxo tamén unha aposta decidida por un servizo de extinción público, profesionalizado, co recoñecemento da labor e os dereitos laborais do profesionais do sector e colaborar coas comunidades de Montes Veciñais para a valorización do monte.
Os peores datos económicos dos agricultores galegos
Pola súa banda, o secretario Xeral de Unións Agrarias (UU.AA), Roberto García, denunciou que preto de 2.000 agricultores galegos vense forzados a vender o seu leite entre 18 e 24 céntimos por litro, por debaixo dos custos de produción. “Con estas cifras as explotacións só teñen un camiño, o peche”. Puntualizou ademais que estes 2.000 produtores non están preto da xubilación nin son explotacións antigas, senón que son granxas competitivas, con xente moza que non pode rendabilizar os seus investimentos. Por último advertiu “que os peores datos económicos dos agricultores galegos na súa historia van coincidir cos mellores anos económicos das cadeas de distribución”.