Os candidatos socialistas ás vindeiras eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Luís Álvarez, Concepción Burgo e Rodrigo Pavón reivindicaron esta mañá o uso de enerxías renovables tras unha visita ao parque experimental de Sotavento, na localidade de Xermade.
Trala visita, Luís Álvarez amosou o compromiso do PSOE co sector eólico na provincia. “Hoxe estamos aquí para reivindicar o apoio ao sector das enerxías renovables, que xa se converteron nunha fonte de riqueza para Galicia, porque somos quen de aproveitar a vantaxe competitiva que temos, tanto a nivel de produción como de exportación vencellados a estas enerxías. Este sector xera un maior volume de renda, emprego, vencellada ao seu consumo”, remarcou.
Álvarez aludiu as propostas socialistas que defenden promover fontes enerxéticas respectuosas co medio ambiente, e que permiten un desenvolvemento endóxeno do pais. “Por iso é necesario non desaproveitar esta vantaxe competitiva e usala desde as empresas do país nos mercados estranxeiros nunha fase de internalización”, explicou o candidato socialista. Por último anunciou que o PSOE traballará para que se elabore un Plan estratéxico de enerxías renovables para Galicia, cunha visión global e coa participación do sector enerxético.