O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo, César Fernández Murias, denunciou este xoves que “unha vez máis, o Alcalde de Ribadeo vende novas actuacións que non financia o Concello, facendo súas unhas inversións que proceden doutras administracións. Neste caso, as melloras que se van a realizar na avenida Ría de Ribadeo e que ascenden a un total de 380.000 euros proveñen na súa totalidade dos compañeiros socialistas no Goberno da Deputación, non hai nin un só euro por parte do Concello”.
Fernández Murias criticou a actitude do Alcalde que “leva 8 anos vivindo das axudas doutras administracións e do que fan os demais, facendo moi poucas inversións para mellorar as prestacións públicas de Ribadeo. O señor Suárez quere facer súas unhas melloras fundamentais para os noso veciños, que saen adiante, unha vez máis, grazas ao PSOE. Esiximos ao alcalde que deixe de enganar a todos os ribadenses e amose un pouco máis de seriedade e respecto por unha administración coma a Deputación de Lugo que está a facer grandes inversións no Concello, e que no último ano o Goberno Socialista destinou máis de 500.000 euros á mellora de accesos, saneamentos, atención profesional a maiores ou á xeración de novos empregos”.
Máis actuacións dos Socialistas
O Secretario Xeral do PSOE en Ribadeo anunciou que o Executivo Provincial achegou ao Concello 330.000 euros para o acondicionamento dos accesos aos núcleos das Barreiras, Campoxurado, Igrexa, A Campana, As Anzas, Vilausende e Irexe, así como a mellora do saneamento en Meiregos e O Morgullón. Ademais, con dito investimento do Goberno do PSOE na Deputación arranxarase a fachada da Casa Consistorial.