O Voceiro Socialista de Triacastela, Carlos Gayo Tourón criticou esta mañá que “o PP de Feijóo e da Alcaldesa, Olga Iglesias, deixou sen asistencia sanitaria ás veciñas e veciños da vila no Nadal”, concretamente o día 31 de decembro, e non foron atendidos ata o 2 de xaneiro.
Gayo Tourón explicou que o persoal médico que atende o centro de saúde, colleu vacacións durante a época de nadal, e non foi substituído por ningún outra facultativo. “Os veciños que tiñan cita o día 31, achegáronse ao centro de saúde para a súa consulta médica ordinaria, pero atopáronse coa desagradable sorpresa de que non ían ser atendidos, xa que non había persoal médico na consulta de Triacastela“, sinalou.
O Voceiro Socialista denuncia “os constantes recortes que sofre o Concello de Triacastela, e que teñen que sufrir os seus veciños, primeiro foi en educación coas graves carencias educativas e as discriminacións que sofren os alumnos e alumnas da vila, e agora tócalle a sanidade, como podemos comprobar no noso centro de saúde, xa que amosa a falta de compromiso do PP coa sanidade pública na provincia de Lugo”.
“O PP anunciou a bombo e platillo, que este ano ía ser a lexislatura do rural, por iso dende o Grupo Socialista queremos denunciar que as veciñas e veciños de Triacastela están completamente abandonados polo Goberno de Feijóo e de Iglesias Fontal. Merecemos unha sanidade pública e de calidade. A Montaña lucense ten futuro, non se pode dar ás costas aos seus veciños”, resumiu Gayo Tourón.