O Grupo Municipal Socialista pide ao equipo de goberno vilalbés a instalación de bolardos automáticos na rúa Basanta Silva para previr a situación actual desta rúa peonil que moitos vehículos utilizan como aparcadoiro, afectando a residentes e comercios da zona. Tras as numerosas queixas recibidas, os socialistas pedirán no próximo pleno que se poña solución a esta situación que ocasiona malestar en moitas persoas.
Desde o PSOE critican que non exista “ningún tipo de control por parte do concello, de xeito que o avance realizado coa peonalización da rúa Basanta Silva carece de sentido se non se regula esta situación”, afirma a voceira socialista Elba Veleiro. Nesta liña, tamén solicitarán a distribución de dispositivos de activación dos propios bolardos aos residentes que o soliciten, ademais da “regulación e oportuna señalización do acceso de carga e descarga da rúa”, subliñou Veleiro.
Finalmente, desde o Grupo Socialista “esperamos que este reclamo sexa escoitado polo goberno local e tomen medidas para que cesen estas prácticas que restan sentido á peonalización e humanización das rúas de Vilalba”.