O Grupo Municipal Socialista solicitará ao pleno “a adecuación do contido das accións formativas impulsadas ou organizadas desde o concello coas demandas do mercado laboral na actualidade”. Xunto ao crecente desemprego dos últimos anos, os socialistas critican “a posta en marcha de accións formativas con escasas posibilidades de inserción no mercado de traballo, situación que, lonxe de frear o despoboamento, incrementa e mantén esta tendencia”. Polo tanto, dende o Psoe de Vilalba defenderán que se teñan en conta as análises realizadas para promulgar cursos de formación ou escolas taller, aprobadas previamente pola Comisión de desenvolvemento local, emprego e comercio.
Ademais, fan fincapé na “desidia do equipo de goberno á hora de fomentar o emprego entre as persoas máis novas, chegando sempre tarde e con desinterese ás convocatorias destinadas a dar unha oportunidade de traballo digna e preto dos seus a toda unha xeración”, declarou a portavoz dos socialistas, Elba Veleiro.
Por outra banda o grupo socialista levará tamén ao pleno este xoves 28 de xaneiro, o debate da supresión das taxas por rexistro municipal, pedindo tamén que o concello conteste formalmente todos os requirimentos que se formulen por escrito e estean debidamente rexistrados. Desde o PSOE entenden que constitúe un dereito dos administrados o feito de poder dirixirse á Administración.