A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e Deputada Autonómica, Patricia Otero intervirá mañá venres, á partir das 10:30 da mañá, na Comisión Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, para esixir ao Goberno de Feijóo que na maior brevidade, habilite no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro un espazo propio e digno como sala de agarda para as mulleres maltratadas que comparecen nel.
A dirixente socialista lembra que xa trouxo este asunto á Cámara Autonómica en maio de 2019. “Nunha pregunta en pleno reclamei ao goberno de Feijóo que formalizará a cesión deste inmoble do Concello na rúa Alfonso Pérez, pero lamentablemente preto de dous anos despois, as cousas seguen como estaban, paralizadas”, denunciou .
Patricia Otero advirte que a día de hoxe “o Xulgado da Muller de Viveiro segue a carecer dun espazo digno para darlles comodidade e anonimato ás mulleres maltratadas que deciden demandar aos seus agresores. E segue sen existir esta sala que acolla con dignidade ás vítimas, malia os múltiples anuncios da Xunta de Galicia de que estaría operativa a finais do ano 2019”.
A Deputada Autonómica remarca que traslada esta petición á Cámara Autonómica “tras escoitar as demandas que se fixeron na Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero do Concello de Viveiro, na que presentaron un rogo á Mesa para solicitar da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia a habilitación dun espazo digno como sala de agarda para as mulleres maltratadas”. Nese rogo presentado explicaban cales eran as condicións nas que se atopa a actual “sala de agarda”, que non se considera adecuada para tal fin. Unha situación denunciada tamén por parte dos traballadores do propio xulgado.
“É necesario e urxente que as mulleres maltratadas poidan contar cun espazo que ofreza anonimato para evitar a súa exposición pública nos corredores do xulgado, evitando así que se poidan cruzar cos seus agresores, ademais de ter unha certa comodidade, pois o trámite da denuncia pode durar horas”, replicou Otero.