Os socialistas de Vilalba denuncian que “A praza de abastos segue en obras cinco meses despois de que o alcalde anunciara o inicio de actividade”

O Grupo Municipal Socialista cuestiona a xestión do equipo de goberno de Vilalba no referente ao proxecto de mellora das instalacións da praza de abastos, posto que “segue en obras cinco meses despois de que o alcalde anunciara o seu inminente inicio de actividade”. Ademais, manteñen que as obras de remodelación dunha parte da praza poderían presentar defectos de construción, acusando aos populares de desidia e neglixencia no control das obras.

Os socialistas recordan que a primeira fase do proxecto de mellora de ditas instalacións foi adxudicado o 16 de setembro de 2014 á empresa José Sanjurjo Construcciones SL, concretamente por un importe de 210.757,30 euros. Nesta adxudicación tamén se contemplaba unha obra adicional de mellora por importe de máis de dez mil euros, establecéndose un prazo de execución das obras de 44 días.

“Se ben o alcalde anunciou o traslado dos postos a esta zona habilitada en setembro de 2015, case medio ano despois pódense ver as obras inacabadas e moitos dos desperfectos no local, que sofre filtracións desde a planta superior”, asegurou a portavoz do grupo municipal, Elba Veleiro.

Despois de aprobar en sesión plenaria o regulamento para o seu uso pola modalidade de urxencia, os socialistas critican que “unha vez máis queda demostrada a falta de rigor do goberno vilalbés, especialmente no referente ao control das obras realizadas con anterioridade”.

Así pois, o grupo municipal do PSOE revisará o proxecto aprobado no seu día e solicitarán ao concello a “oportuna certificación de fin de obra, ademais dun informe técnico no que se certifique se este fin de obra cumpría todas as condicións de adxudicación, incluídas as melloras de obra adiciona”l.

Finalmente, Veleiro pon de relevo “que non ten sentido que agora estean a furar e picar as paredes para poñer as caixas de rexistro da instalación eléctrica, supoñendo unha chapuza similar ao levantamento do chan para poder instalar as canalizacións da fontanería”. A portavoz concluíu afirmando que “é incomprensible esta xestión chapuceira pola que pediremos as explicacións pertinentes e a súa resolución máis pronta e axeitada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com