O Psoe da provincia de Lugo denuncia que aos traballadores de Correos que se presentan ás eleccións municipais, negóuselles, de xeito inxustificado por parte da sociedade estatal, o permiso laboral retribuído ao que teñen dereito durante a campaña como funcionarios públicos. Un permiso que lles fora concedido, ata o de agora, a todos os candidatos e suplentes proclamados polas diferentes Xuntas Electorais nos procesos de ámbito estatal, autonómico ou municipal.
Un permiso que é un dereito, que non pode limitarse ou reducirse, que ten unha duración de 15 días coincidentes co período de campaña e que debe ser integramente concedido ao funcionario ou traballador que o solicite.
Atendendo a lexislación vixente, o PSOE da provincia de Lugo ven de presentar un escrito ante a Xunta Electoral para que se dea cumprimento á lexislación electoral concedendo con elo o permiso de 15 días aos integrantes das listas afectados pola decisión de Correos. No caso contrario, a sociedade do servizo postal público estaría a incorrer nun delito electoral, xa que o que mudou foi a condición da empresa, non a dos traballadores que seguen a ser funcionarios públicos.