O candidato socialista á alcaldía de Ribadeo -Roberto Ramos Piñeiro- denunciou publicamente que no asilo municipal hai 7 prazas baleiras, “a pesares de que existe listaxe de agarda para entrar, dende o concello estase instando a veciños a que vaian para residencias de fóra do municipio”.
“Estamos moi sorprendidos polas denuncias que recibimos de varios cidadáns pola súa situación de desamparo ao ser instados a residir en asilos de fóra da localidade. Pero moito máis sorprendidos aínda nos quedamos ao constatar que no centro de Ribadeo, tras unha visita que realizamos, informáronos de que hai cuartos baleiros. Isto é debido a que nos últimos tempos seguiuse a política de non cubrir esas prazas tras falecer as persoas que as ocupaban”, explicou Roberto Ramos.
O alcaldable socialista engade que “dende o PSOE facemos unha política de protección integral dos maiores e diante desta situación queremos pedir explicacións ao Goberno local para que comunique aos veciños porqué se esta a realizar este tipo de xestión co asilo. Parécenos incrible que tendo 7 prazas baleiras e unha listaxe ampla para ocupalas, non se lles asigne a veciños de Ribadeo, o que supón un aumento dos seus gastos e tamén que teñan que estar afastados das súas familias. Cremos que é importante que alguén dea unha explicación sobre este feito e que se faga unha xestión axeitada para cubrir esas prazas vacantes no asilo”.