O PSOE do Corgo apostará pola vida no Concello e a creación de emprego

O PSOE do Corgo presentou a lista coa que concorre ás Eleccións Municipais, encabezada por Francisco Otero. No acto participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a Deputada do PSOE pola Provincia de Lugo no Congreso, Ana Prieto.

Francisco Otero destacou que “O Corgo, coas características envexables que ten, debería ser un lugar onde xente doutros sitios optaran por vir e asentarse, pero para que iso suceda, temos que darlle un cambio radical ás políticas do PP que se levaron a cabo ata o de agora, para facer do Corgo un lugar onde as familias queiran desenvolver o seu proxecto de vida. A perda de poboación é algo que levamos sufrindo con intensidade durante moitos anos. Por iso, dende o PSOE comprometémonos a traballar sen descanso para poder dotar ao Concello de vivendas sociais e alugueres accesibles, así como facilidades e axudas para todos aqueles proxectos para estimular a construción de novas vivendas. Tamén apoiaremos aos novos emprendedores traballando a reo por todos aquelas iniciativas que fomenten emprego. Solicitaremos á Xunta de Galicia que abarate o chan industrial do Corgo e descontaremos un 10% do prezo do chan cun máximo de 30.000 euros por empresa. Deste xeito, conseguiremos que novas empresas se instalen no Concello, xerando novos empregos e dinamizando a economía”.

O candidato socialista subliñou que “o desenvolvemento das infraestruturas nas parroquias é vital para garantir a habitabilidade no Concello pero para o Alcalde do PP parece que hai veciños de primeira e veciños de segunda. Isto se vai acabar. Elaboraremos un Programa urxente de rexeneración das parroquias que desenvolveremos en permanente contacto cos veciños co obxectivo de coñecer cales son as prioridades de cada barrio. Comprometémonos a desenvolver a rede de saneamento e traídas de auga para garantir sen discriminación o acceso á mesma, analizándoa periodicamente para garantir a calidade óptima para o seu uso. E poremos en marcha un plan de xestión íntegra das nosas estradas, saneamento de cunetas e rexeneración do firme. Ademais, crearemos unha brigada de mantemento, durante todo o ano, para poder prestar un servizo aos veciños coa máxima celeridade posible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com