O Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, criticou hoxe que a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, tarda
moito tempo en conceder permisos a particulares e ao propio Concello para realizar calquera actuación preto das ribeiras dos ríos. Puxo de exemplo que “varios veciños que quixeron cortar unhas árbores e agardaron 4 meses ou unha veciña que para pintar a súa casa esperou máis de 6 meses para o visto e prace de Augas de Galicia”. Ademais, o Rexedor socialista denuncia que todo o que recada o goberno galego dos veciños do Valadouro co canon da auga non reverte nin un euro en novas dotacións ou melloras para o saneamento do municipio.
Edmundo Maseda explicou que dende que o PP impuxo o novo canon, no ano 2012, a Xunta de Galicia non fixo nin un só investimento relacionado coa mellora dos abastecementos, saneamentos, depuradoras de augas residuais ou os ríos que pasan polo municipio.
“Os veciños están moi desgustados porque están pagando relixiosamente os recibos polo canon da auga e non ven ningunha dotación ou obra da que se vexan beneficiados. Non estou moi de acordo en poñerlle un imposto á auga que é un ben de todos pero se resulta imprescindible recadar para manter os servizos básicos, sería xusto un reparto equitativo. O que non é normal é que os veciños paguen por un recibo medio de 40 euros, outros 48 polo canon da auga, e logo por cambiar un canlón do tellado a Xunta encima cóbreche máis de 100 euros en taxas pola autorización da obra. É un abuso e unha inxustiza”.
“Se non chega a ser polas actuacións que dende o Concello e a Deputación desenvolvemos para mellorar a calidade da auga nas nosas parroquias, Valadouro seguiría igual que hai unha década. Con estas políticas do PP baseadas exclusivamente en restricións, o señor Feijóo, que alardeaba que esta ía ser a lexislatura do rural, está obrigando ás persoas que vivimos nel, a marcharnos ás cidades porque non nos deixan nin traballar”.