Os secretarios Provincial e de Medio Rural – Juan Carlos González Santín e Horacio Rouco-, acompañados polo secretario Xeral de Unións Agrarias Galicia –Roberto García- e o profesor de Economía Agraria da USC -Francisco Sineiro-, participan mañá mércores 8 de abril, nunha charla informativa sobre a produción de leite sen cotas e sobre a nova PAC, que terá lugar, a partires das 21:00 horas, na Casa da Cultura de Palas de Rei.
Na xuntanza analizarase a “crítica situación” que atravesa o sector lácteo, e que está a afectar especialmente á provincia de Lugo, pois é a maior produtora de leite de Galicia e incluso de España. Precisamente, e co fin de poñer en valor o traballo dos produtores e gandeiros lucenses, os socialistas veñen de presentar diferentes iniciativas no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e incluso no Parlamento Europeo, no senso de que o Goberno Central incorpore os tres elementos básicos que deben estar presentes no novo decreto lácteo: que se garanta a recollida do produto, que se modifique a figura do mediador, de tal xeito que teña facultades reais de arbitraxe e sanción, e que os contratos coas industrias teñan unha duración obrigatoria de dous anos.
Deste xeito, este encontro súmase a máis dunha ducia de xornadas informativas organizadas dende a secretaría de Medio Rural que dirixe Rouco, e que se viñeron celebrando no último ano para informar sobre estes asuntos en diferentes concellos da provincia.
“Os socialistas tamén son coñecedores das dificultades que estivo e está a sufrir o sector agrario polo constante aumento dos custes de produción derivados da suba do prezo dos cereais, do aumento dos custes enerxéticos e pola baixada dos prezos de venda. É por este motivo polo que o PSOE decidiu convocar esta charla en Palas de Rei e colaborar de forma activa para que ningún agricultor e ningún gandeiro queden sen cobrar ás axudas directas da Política Agraria Común”.