O PSOE non negociará outro candidato á Alcaldía de Lugo distinto a Orozco

O Voceiro do Goberno local en funcións e Secretario xeral do PSOE de Lugo, Luis Álvarez, advertiu hoxe con rotundidade que os socialistas lucenses, como tamén anunciou o Secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non van aceptar ningún tipo de imposición para sentarse negociar cos outros grupos políticos, e deixou claro que “só hai un candidato do PSOE á Alcaldía de Lugo, José López Orozco, quen encabezou a lista socialista ó Concello de Lugo e recibiu o apoio de 14.000 lucenses”.

“Que ninguén pense que o PSOE aceptará negociar que se poña sobre a mesa a renuncia de Orozco, é o noso candidato, co que nos presentamos diante da cidadanía nas eleccións do 24 de maio e co que obtivemos 13.959 votos”, proclamou Luis Álvarez.

O Voceiro do Goberno local en funcións e responsable local do PSOE anunciou, ademais, que a delegación socialista que ten encomendado negociar coas outras forzas políticas está formada por el mesmo e polo Concelleiro de Servizos Xerais en funcións, Manuel Núñez. Os contactos posiblemente comezarán a partir de mañá e tamén este xoves está previsto que o Alcalde en funcións e candidato á reelección, José López Orozco, manteña unha xuntanza co candidato do Partido Popular, Jaime Castiñeira, a petición deste último.

O Secretario xeral dos socialistas lucenses tamén aclarou que o PSOE de Lugo non ten decidido aínda ningún candidato á Presidencia da Deputación xa que “non é agora o momento. Persoalmente invito a aqueles que queiran postularse a que aparquen ese debate ata o momento oportuno e que o fagan no seo do partido, non nos medios de comunicación”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com