O PSOE pedirá a elaboración dun Plan de Accesibilidade no Concello de Vilalba

O Grupo Municipal Socialista pedirá no pleno deste xoves que se proceda, con carácter inmediato, á elaboración dun Plan para valorar o grao de accesibilidade dos edificios, rúas e espazos públicos da vila. O obxectivo deste plan será identificar aqueles aspectos susceptibles de mellora e que denotan deficiencias neste eido, estimando o custe de ditas intervencións e programando a súa realización con carácter prioritario. Asemade, propoñen que se conceda especial importancia á dotación de elementos precisos para que os nenos e nenas con discapacidade podan desfrutar dos xogos nos parques infantís atendendo ás súas necesidades.

Outra das peticións que contempla esta moción é a creación dunha Mesa de Accesibilidade municipal, formada por membros de todas as forzas políticas con representación no Concello, co fin de facer seguemento de dito plan e poñer en marcha campañas de sensibilización, información e formación para “eliminar barreiras de calquera tipo que dificulten unha plena integración social das persoas con discapacidade ”, comentou a portavoz dos socialistas, Elba Veleiro, incidindo no compromiso e empeño reiterado do Grupo Socialista con esta problemática. Neste sentido, a concelleira socialista Marta Rouco deu conta da existencia de numerosas “barreiras arquitectónicas nas nosas rúas, que dificultan o tránsito de persoas con discapacidade impedíndolles levar unha vida autónoma”. Os socialistas sinalan: pasos de peóns inaccesibles, beirarrúas demasiado estreitas ou terrazas que invanden o espazo dos viandantes.

Pero non só fan mención destas barreiras, senón que aluden tamén a outras que impiden, no seu caso, que persoas invidentes podan realizar un trámite administrativo no Concello ou asistir a un espectáculo no Auditorio coas prerrogativas que a norma lles outorga.

Asemade os socialistas solicitarán que se inste ao goberno da Xunta e ao estatal a incorporación da vacina contra a meninxite B no calendario vacinal, logo da alarma xurdida tras tres mortes en Galicia, de xeito universal e gratuíto, así como, que na contratación co Concello os pregos se fagan pola modalidade aberta no que figuren clausulas sociais, como a igualdade de xénero ou a inserción laboral de discapacitados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com