O Grupo Municipal Socialista retomará para o pleno de xaneiro unha moción presentada xa en dúas ocasións para pedir que se dote dos accesos pertinentes á Ponte Bermúz, co obxecto de mellorar a comunicación entre os concellos de Muras e Vilalba. Xullo de 2016 foi a última ocasión na que os socialistas pediron que se levaran a cabo de xeito inmediato os trámites necesarios pola beira do río do termo municipal vilalbés, atopándose cos votos en contra dos concelleiros do Partido Popular.
O edil socialista Eduardo Vidal declarouse asombrado polo proceder do edil Amador Guerra do PP, que preside a asociación de veciños de Vilapedre, “que amosou a súa oposición ante esta iniciativa do PSOE, para semanas despois dirixir ambos dous escritos aos concellos de Muras e de Vilalba para que, coa maior brevidade posible, acometeran as obras necesarias para a finalización da ponte. Sen saír do seu asombro, desde o Grupo Municipal Socialista subliñan que este é fundamentalmente o motivo de recuperar de novo a moción nun intento de “zanxar o dobre xogo irresponsable ao que entran todos e cada un dos concelleiros populares”.
Do mesmo xeito, critican a “incongruencia de Guerra e a submisión partidista en detrimento da súa obriga como representante dos seus veciños e veciñas, pois non é entendible que no pleno erga a man votando en contra da nosa petición, para despois burlar a decisión tomada en sesión plenaria enviando os escritos aos que facemos referencia”, censuran. “Non se pode actuar como o Dr.Jekyll en calidade de presidente da asociación de veciños, e como Mr. Hyde cando se exerce de concelleiro”, explicita Vidal, cualificando este comportamento de impropio na política “posto que o fin último da mesma está na procura de solucións, e non no beneficio persoal para quedar ben con todas as partes”.
Finalmente, os socialistas agardan que o concelleiro ao que se fai mención sexa quen de “convencer aos seus compañeiros de grupo e así non teña que rachar a disciplina de voto manifestada no seu día para opoñerse á construción duns accesos demandados por toda a veciñanza desde hai máis de vinte anos”, conclúen.