O PSOE presenta a súa nova candidatura a Guitiriz para “avanzar no futuro do Concello”

O PSOE presentou este sábado a súa nova candidatura á alcaldía de Guitiriz para as vindeiras eleccións municipais, que encabezará a Secretaria Xeral da agrupación socialista guitiricense, María Sol Morandeira Morandeira. Fíxoo nun acto no que participou a actual Alcaldesa de Guitiriz, a socialista Regina Polín García, o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a Secretaria de Organización Provincial, Mar Rodríguez, e un cento de veciños do Concello.

María Sol Morandeira, veciña de Guitiriz dende hai 24 anos, funcionaria na Seguridade Social e militante do PSOE dende hai 8 anos, recolle a testemuña a Regina Polín. “Quero dar as grazas a Regina, Álvaro e a Mar por todo o seu apoio. De xeito especial a Regina, pois apostou por min dende o principio como a mellor opción para seguir traballando neste proxecto social e de futuro para Guitiriz que ela mesma iniciou e liderou durante 16 anos. O listón queda moi alto e é moi difícil de superar, pero non vai a faltar ilusión, ganas e traballo e máis traballo”.

“Empecei na política e a formar parte do Partido Socialista por Regina, pois ela fíxome ver con feitos que o PSOE é o partido dos veciños, o partido que os representa, os defende e traballa sempre na busca de solucións ás necesidades dos veciños. E iso é facer política. Teño a sorte de que Regina me vai a acompañar nesta nova etapa e me vai a axudar e aportar toda a súa experiencia. Xunto a ela, todos os compañeiros que formamos parte desta nova candidatura imos a facer todo o posible, por traballo non vai a ser, para seguir con todos os proxectos de futuro que nos deixou Regina no Concello e a poñer en marcha novas iniciativas para ofrecer a todos os veciños de Guitiriz servizos e oportunidades de vida, para que o noso Concello siga sendo un dos poucos da provincia con máis de 5.000 habitantes como sempre foi o empeño da nosa a Alcaldesa e o conseguir facer, para seguir vivindo nun pobo alegre e nun clima de convivencia, pois non podemos retroceder aos anos escuros e á crispación do PP”.

A Alcaldesa destacou que “temos a mellor candidata, unha persoa chea ilusión, ganas, traballadora e cun forte espírito social para seguir pelexando e loitando polo noso Concello e a súa xente que tanto queremos. Guitiriz non pode volver a era da escuridade do PP. No 2003, cando cheguei á alcaldía, faltaban necesidades básicas. O PP tiña parroquias enteiras sen luz pública, barrios cun único foco. Íamos por Pígara e non se sabía que había pobo, estaba a escuras. Non se podía acceder a barrios enteiros, aos fogares de moitos veciños, porque non había accesos públicos en condicións, había lameiros. Nada se fixera nunca polo saneamento dos nosos ríos. Nin tan sequera tiñamos Axuda no Fogar. Algunha asistente ía a casa dalgún veciño, nun coche municipal, sen contrato”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com