O PSOE vilalbés pide un plan de emprego xuvenil

O Grupo Municipal Socialista  pedirá no pleno do vindeiro luns a “posta en marcha dun plan de emprego xuvenil para paliar o problema do paro entre a mocidade, que se atopa actualmente nun 31% en Galicia. Recollendo unha petición presentada xa por dito grupo, consideran prioritario que o concello actúe para facilitar a inserción laboral de mozos e mozas da vila, comezando por facer un estudo e diagnose da situación demográfica e socioeconómica do concello e a súa contorna, ademais de analizar cales son as necesidades e inquedanzas laborais da xuventude vilalbesa”.

Ademais alegan que uns dos principais problemas do rural son “a perda de poboación, derivada do avellentamento da mesma, a baixa natalidade e a obriga forzosa de gran parte da mocidade a emigrar, recriminan ao concello “unha partida orzamentaria irrisoria, de tan só 3.000 euros destinados á iniciativa local de emprego”.

Aseguran que nun lugar onde “emigraron case 700 mozos e mozas nos últimos dez anos, cómpre dar unha resposta urxente ao que se considera a xeración mellor formada e con menos oportunidades laborais”. Por iso, piden que o plan de emprego “se adapte á realidade local, complementando o limitado plan de formación dual, con bolsas de formación para titulados (FP e Universidade) que inclúan prácticas remuneradas a través dun convenio coa Fundación Empresa – Universidade Galega” (Feuga).

Do mesmo xeito, tamén piden formación e prácticas remuneradas para “as persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, de xeito que contribúan á modernización da administración local a través das novas tecnoloxías, facilitando a asimilación da nova administración electrónica”. Finalmente, pensando nun método de axuda ás familias para o curso académico, propoñen que se establezan “contratos temporais de media xornada destinados a estudantes que residen fóra para formarse; estas persoas substituirían aos funcionarios e persoal municipal en vacacións nos meses de verán, tal e como se fai noutros concellos”.

Escola infantil e participación veciñal

Os socialistas tamén volverán levar ao pleno a limitación de prazas na escola infantil, posto que “a lista anunciada para o vindeiro curso escolar deixa fóra a máis familias que a do ano anterior, solicitarán no vindeiro pleno que o goberno local se comprometa a buscar unha solución para as familias que quedaron sen praza”.

O grupo socialista retoma a moción de participación veciñal aprobada por unanimidade en outubro do 2015, para que se aprobe  a presentada por este grupo, “ao non terse presentado ningunha outra”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com