O público infantil ten unha cita todos os venres do mes, na Biblioteca Nodal

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo ofrece sesións para público infantil e familiar todos os venres de febreiro, ás 18,00 horas, con espectáculos de narración oral, maxia e música. A axenda con todas as actividades, para as que se require inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

A primeira das propostas, o día 4, vai dirixida a bebés de ata tres anos con narración oral da man de Ramiro Neira e os seus Contos no berce. A semana seguinte chega Ana Facchini con A verdadeira historia de Victoria, que toma como punto de partida un brevísimo conto popular para xogar a crear novas historias e cancións. O venres 18 será a quenda da maxia co espectáculo Keller Magic de Fernando Keller.

Por último, o día 25, no marco da conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro ofrecerase o concerto Cantando os cantares, con Truque Matruque. Trátase dun percorrido en forma de concerto pola obra Cantares gallegos da autora galega para achegarlle a figura rosaliana á rapazada. Estas últimas sesións están dirixidas ao  público de catro a 12 anos de idade.

Mostra arredor do Día da ilustración
En canto ás mostras, durante os primeiros días do mes, ata o 11, poderá visitarse na sala infantil unha escolma de libros de profesionais da ilustración de Galicia. A iniciativa forma parte da programación desenvolvida polas bibliotecas da Xunta con motivo do Día da ilustración, celebrado o pasado domingo 30 de xaneiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com