A Deputación de Lugo colabora, un ano máis, coa celebración do Resurrection Fest. Este evento musical, que nesta edición celebrarase entre o 26 e o 28 de agosto en Viveiro, conta cunha achega de 50.000€ do organismo provincial. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este venres tras a reunión da Xunta de Goberno a adxudicación dun contrato de patrocinio deste evento musical, que se adaptará ás limitacións que esixe a situación sanitaria.
Tomé Roca recordou que “a Deputación de Lugo apostou dende o principio por este festival, ofrecendo un apoio que foi clave para que o Resu se consolidase como o que é hoxe: unha cita de referencia a nivel nacional e internacional, que atrae a miles de persoas e que produce un retorno económico de primeira orde para Viveiro e para toda A Mariña”.
Esta cita serve de promoción da provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia e, ao mesmo tempo, á recuperación da actividade turística, hostaleira e comercial. O Resurrection Fest contou na súa última edición con máis de 100.000 visitantes e xerou, segundo ten estudado a Universidade de Santiago, un retorno económico que ronda os 9 millóns de euros.
O programa
Este ano o Resurrection Fest contará o 26 de agosto coas bandas Kreator, Angelus Apatrida, No Turning Back, Devil In Me e Aphonnic. O venres será a quenda de Eluveitie, Jinjer, Crisix, Bala e Bellako, e, o sábado, os asistentes poderán escoitar a While She Sleeps, Destruction, The Ocean, Landmvrks ou True Mountains. Ao mesmo tempo que os concertos, que achegarán a amantes deste estilo musical, levaranse a cabo retransmisións en directo dos concertos e de actuacións doutras edicións. Pódese consultar a información completa na súa páxina web www.resurrectionfest.es