A décimo-primeira edición do Resurrection Fest agarda reunir o vindeiro fin de semana en Viveiro a máis de 75.000 afeccionados ao rock e ao metal chegados de máis de 30 países. Así o explicou esta mañá o organizador do evento, Iván Méndez, que salientou que esta edición será a máis multitudinaria das até o de agora celebradas, xa que prevén esgotar todas as entradas á venda.
Este ano o cartel do festival, que se celebrará os próximos 7, 8 e 9 de xullo, inclúe nomes de grupos referentes como Iron Maiden, The Offspring ou Bad Religion; o que o convirte un ano máis nun dos festivais con máis sona a nivel español dentro do xénero do rock e do metal.
Os organizadores apuntan ademais ao importante traballo de escenografía, que fará que os asistentes ao recinto teñan a sensación de estaren a formar parte dun “parque temático do rock”. Tamén se despregará un importante dispositivo de seguridade no que participarán máis de 300 persoas entre persoal do concello e outras entidades.