O Rexistro Civil de Lugo comezará mañá a dar cita previa a través de internet para realizar determinados trámites e evitar, desta xeito, a coincidencia de varias persoas na súa sede e os desprazamentos innecesarios a ela. A partir do 15 de outubro, a través da páxina web www.xustiza.gal, poderanse descargar os formularios que hai que cubrir para levar a cabo cada un destes trámites. Ademais, nela especificarase a documentación requirida para que a cidadanía se desprace á sede con ela e cos formularios cubertos, o que permitirá axilizar os trámites e evitar visitas innecesarias á sede xudicial.
O Rexistro Civil de Lugo, que é o primeiro de Galicia en poñer en marcha este sistema, permitirá pedir cita previa para realizar trámites relacionados coas xuras de nacionalidade ou as capitulacións matrimoniais. Tamén se usará este sistema para demandar a expedición dos libros de familia por nacementos rexistrados telematicamente desde o hospital Lucus Augusti.
A partir do 1 de novembro será indispensable que a cidadanía obteña cita para realizar todos estes trámites e descargue e cubra a documentación antes de acudir ás instalacións de forma presencial. Polo tanto, no caso de que algunha persoa se desprace á sede do Rexistro Civil de Lugo sen cita, será remitida á páxina web www.xustiza.gal para que a solicite. Cada un dos trámites ten asignado un día e un horario. Así, a entrega de documentación para expedientes (matrimonios, cambios de nome, inscrición de feitos ocorridos fóra de España) realizarase os xoves e venres, cada 15 minutos, en horario de 9 a 12. Os luns, cada 15 minutos, de 9 a 13.30 horas, tramitaranse tanto as capitulacións matrimoniais como a expedición de Libros de Familia por nacementos rexistrados telematicamente desde o hospital Lucus Augusti. E, por último, as xuras de nacionalidade teñen asignados os mércores, cada 30 minutos, de 9 a 13.30 horas.