O San Froilán acada o 97% de ocupación hoteleira na cidade

Remata o San Froilán e, como xa é habitual, toca mirar atrás e facer balance de todos os eidos da festa. Se ben a oposición do Concello non está moi contenta cos resultados reflexados nos 9 días que duraron as patronais, o Concello e, sobre todo, os hostaleiros, están máis que satisfeitos.

Lugo conseguiu chegar este ano a cifras de ocupación hoteleira que rozan o completo. Os datos oficiais da Oficina Municipal de Turismo e da caseta informativa que instalou o Concello na Praza Maior, revelan que nestas instalacións municipais se atendeu a máis de 11.000 persoas, pero é que a Asociación de Hostaleiros de Lugo (APEHL) daban conta hoxe aos medios dos datos de ocupación que chegan ata o 97%.

Un ano máis, os actos máis tradicionais, como o pregón, a cargo de Manuel Lombao, o desfile de gando, a mostra de traxes galegos, ou a ofrenda a Rosalía, de man de Paloma Lugilde, mantiveron a capacidade de convocatoria; do mesmo xeito que o San Froilán Miúdo. En xeral, e segundo os datos do Concello, toda a programación logrou concentrar numeroso público, destacando o espectáculo piromusical e video mapping do día 5 de outubro, coa historia do patrón.

Así o manifestaba a titular de Cultura no Concello, Carmen Basadre, quen asegurou que as patronais deste ano destacaron por ser “as máis divertidas, entretidas e diversas das últimas edicións, con gran espíritu festeiro da xente nas rúas”. Péchanse así 9 días de festas cunha programación de máis de 280 actividades aptas para un público de todas as idades.

“Triunfou a tradición e a cultura, pero tamén triunfaron as novas apostas”, destacou a edil, quen fixo énfase en dous dos concertos máis multitudinairos; a actuación de Rozalén, “un concerto moi especial”, e o de Hombres G, que reviviron na Praza Horta do Seminario a maxia dunha época; sen olvidarse dos grupos de Lugo, “unha aposta
importante e exitosa pola xente de aquí, que se viu na asistencia de público a todas as súas actuacións”. Nesta liña de ocos para diversos espazos musicais destacou tamén o Sanfroidance, co que o Concello colabora cunha achega de 15.000 euros, ademais de dispoñer a carpa e a producción, que de novo conseguiu poñer a Lugo e ao San Froilán
como epicentro de música negra e electrónica.

“O San Froilán segue existindo e triunfando, é unha festa que non morrerá, pois ten un espíritu vivo”, quixo remarcar Basadre, quen declarou a satisfación do Goberno, tanto no que se refire a participación, asistencia como ao normal desenvolvemento da programación.

Exitosa ponte do Pilar

En cifras, non foi Lugo o único Concello en aproximarse ao 100% de ocupación na pasada ponte do Pilar. Así, segundo os datos recollidos pola APEHL, mentres a capital rexistraba un 97% de ocupación, a Ribeira Sacra rozaba o 90% e a Mariña situábase nun 93%. Destacan ademais que se logrou unha suba maior a anos anteriores xa o xoves 11 de outubro, véspera do festivo e que o día de maior ocupación foi o propio día 12, no que moitos establecementos da provincia colgaron o cartel de completo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com