O San Froilán e a cidade de Lugo serán os protagonistas do Cupón da Once deste mércores. Deste xeito, difundiranse un total de cinco millóns e medio de cupóns que espallarán a imaxe destas Festas de Interese Turístico Galego e Nacional por toda España.
Trátase do cupón número 13 dos dedicados especificamente á cidade de Lugo, ás súas tradicións, ás súas institucións e ás súas xentes, desde que a finais dos anos noventa do século XX, a ONCE introducise ilustracións no cupón. Dende o ano 2000, a ONCE dedicou tres cupóns á Muralla Romana, ao Arde Lucus, ás Termas Romanas, ás polbeiras e á moeda que lle dedicou a Real Fábrica de Moeda e Timbre á cidade, entre outros.
A concelleira de Cultura, Carmen Basadre destacou a “importante oportunidade que nos ofrece o cupón da ONCE para proxectar a imaxe da cidade de Lugo, xa que está comercializado por 20.000 vendedores en toda España”.
Tamén se editaron varios exemplares do programa oficial destas festas en braille, que están dispoñibles na Oficina Municipal de Turismo, na caseta de información do Concello e nas oficinas da ONCE en Lugo.