O Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, vén de visitar a cidade de Lugo nas últimas horas co fin de coñecer as instalacións do edificio municipal Impulso Verde. A rexedora da cidade, xunto co presidente da Deputación e outros membros de ambas corporacións, acompañaron ao socialista no seu paseo polas obras desta edificación que están a piques de rematar.
A rexedora lucense considerou este edificio “un dos símbolos da transformación que o executivo municipal está a desenvolver en Lugo, tanto dende o punto de vista ambiental como económico”.
O Secretario Xeral dos socialistas galegos felicitou á rexedora pola súa “aposta decidida” pola sustentabilidade como “eixo central” das diferentes actuacións e proxectos que o Concello está a levar a cabo na cidade, ao aplicar un modelo de xestión que, segundo explicou Formoso, el mesmo comparte e que, considerou “será fundamental nos vindeiros anos polos desafíos que plantexa a loita contra o cambio climático.
“Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia, a pesar da parálise da Xunta no ámbito da innovación, da ciencia e tamén do sector forestal, ten que ser o sector privado e tamén o ámbito municipal, concretamente o Concello de Lugo, o que demostre que as materias primas galegas, que o monte galego e, neste caso, o monte de Lugo, que aporta un terzo da madeira que exporta a comunidade –a maior produtora de toda España– que aporta recursos a máis de cen mil propietarios da provincia de Lugo, e que dá emprego a máis da metade dos traballadores e traballadoras dos concellos de interior desta provincia, merece a pena, de aí a necesidade de investigar e apostar por este sector, como o está a facer o goberno de Lara Méndez, e como xa podemos apreciar con este edificio”.
Así, a alcaldesa explicou ao Secretario Xeral dos socialistas galegos que “a día de hoxe, Lugo é un municipio referente e pioneiro na posta en marcha de iniciativas encamiñadas ao coidado do medio ambiente e o fomento da economía verde e circular; dende hai seis anos estamos a defender a necesidade de transformar a cidade para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, mediante execución de proxectos, apoiados pola Unión Europea -como o Dusi Muramiñae ou o Life Lugo+Biodinámico-, así como coa posta en marcha da estratexia Lugo Transforma”
O Impulso Verde é o primeiro edificio de carácter público que se constrúe en Galicia con madeira local certificada 100%. Un proxecto ao que se acaba de sumar o Goberno Galego co fin de potenciar desde o ámbito público o uso da madeira como elemento construtivo e sostible nas novas edificacións. A primeira edil incidiu nas vantaxes, tanto económicas como de loita contra a emerxencia climática, deste modelo construtivo.
Así, mesmo, o presidente da Deputación destacou a colaboración que fai a institución provincial con este proxecto cunha aportación que supera os 500.000€ ao plan Life Lugo+Biodinámico no que se integra co fin de impulsar o desenvolvemento urbano sostible e, ao mesmo tempo, dar valor engadido ao sector forestal, no que a provincia de Lugo é unha potencia, para que “deixe recursos económicos e emprego, sobre todo no rural”.