Tal e como tiña advertido a CIG, o expediente de regulación de emprego polo que o Concello de Guitiriz suspendeu o contrato de sete traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) é ilegal. E así o confirma o Servizo Público de Emprego, que hoxe remitiu un escrito ao persoal afectado denegándolles o dereito a percibir á prestación por desemprego por este motivo.
Deste xeito, os traballadores quedan na máis absoluta precariedade ao teren os seus contratos suspendidos pero sen poder cobrar o paro, polo que a CIG reclama ao Goberno local que de inmediato proceda á suspensión do ERTE, reincorpore os traballadores nos seus postos e regularice a súa situación pondo ao día o pago dos salarios.
Ademais, para a central sindical resulta “incomprensible” a resolución da dirección provincial do SEPE toda vez que aos traballadores lles foi suspendida a relación laboral co Concello de maneira involuntaria e, polo tanto, teñen dereito a percibir a prestación por desemprego. “Coa súa decisión o SEPE está excedendo as súas competencias, xa que é o xulgado quen debe pronunciarse sobre a legalidade ou ilegalidade do expediente”. Por iso, a CIG tamén recorrerá a resolución do servizo público de emprego.
Doutra banda, “non deixa de chamar a atención a desidia da Consellería de Traballo” (como autoridade laboral que é) por non ter informado ao Concello de Guitiriz da manifesta ilegalidade na que estaba incorrendo, xa que as Administracións Públicas non son competentes para iniciar procedementos de suspensión dos contratos ao amparo do artigo 47 do Estatuto de Traballadores, tal e como pretende facer o Goberno municipal de Guitiriz.
Así as cousas, a CIG insta alcaldesa a que, dunha vez por todas, abandone a “política laboral unilateral, caprichosa e neglixente”, retire o ERTE e comece a practicar unhas relacións laborais baseadas no diálogo, nos respecto aos dereitos e no cumprimento da legalidade.