O SERGAS vén de informar dun novo gromo detectado na residencia da terceira idade das Gándaras, sita na capital. O gromo, segundo explican dende o centro, suma xa preto de medio centenar de positivos entre os usuarios.
O SERGAS foi coñecedor da situación logo de que durante a fin de semana un usuario fose diagnosticado coa infección, trala PCR rutinaria que se fai aos pacientes que van ingresar nos Hospitais.
Despois deste descubrimento, realizouse un cribado no centro aos 180 residentes, que arroxou un total de 49 positivos; todos eles, segundo explica o centro, sen síntomas ou cunha sintomatoloxía leve.
É esta a primeira vez que se rexistra un gromo entre os usuarios da residencia, malia que, nalgún momento, xa houbera algún traballador infectado por Covid nunca chegara aos residentes.
Na provincia, outros dous centros de atención a maiores contan hoxe con casos Covid entre os usuarios. Trátase da Vivenda Comunitaria de Alfoz que suma 6 pacientes covid e a residencia de maiores de Ribadeo, que rexistra 7 persoas infectadas.