O Servizo de Información 010 do Concello de Lugo leva máis de 945.000 consultas atendidas dende que entrou en funcionamento no ano 2005, entre chamadas telefónicas e correos electrónicos. No 2015 recibíronse preto de 57.000 chamadas e máis de 2.100 correos electrónicos, mentres que no 2016 foron case 70.500 chamadas e preto de 4.700 correos electrónicos, entre outros a solicitude do servizo de intérprete de linguaxe de signos para persoas xordas.
O servizo, que na actualidade consta dun cadro de persoal composto por 4 teleoperadoras, recolle os avisos de atascos de sumidoiros, avarías no subministro de augas, limpeza nas rúas ou calquera tipo de incidencia no funcionamento do servizo público. Ademais, gran parte das consultas que reciben dende este servizo están relacionadas coa información municipal, tales como é o darse de alta ou de baixa no subministro de auga, información para o empadroamento, emprego público, transporte, entre outras.
Polas diferentes canles, este servizo tamén informa das actividades extramunicipais realizadas por entidades colaboradoras do Concello, obras de teatro, números de teléfono ou información turística, entre outras. Outras das informacións facilitadas polo 010 son as xestións de trámites municipais das distintas actividades organizadas polo Concello, como as actividades de verán, obradoiros ou xestións de recibos.
O 010, que presta servizo en horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09:00 a 14:00 horas, facilita información por outros medios, como a mensaxería ou as redes sociais. Na actualidade, esta plataforma conta con dous servizos de mensaxería gratuíta, chegando a 2.000 persoas inscritas nos mensaxes de texto a través do teléfono móbil, e 3.500 inscritos no correo electrónico. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e Youtube, contando nestes momentos con máis de 2.500 seguidores, alcanzando 20.780 visualizacións o seu perfil de Facebook no pasado mes de decembro.