O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación do 22 de xuño en Burela en defensa do futuro da Mariña

O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación do 22 de xuño en Burela en defensa do tecido económico e social da Mariña, que sairá ás 20:00 horas do hospital para rematar na praza do Concello. A nosa comarca leva anos sendo castigada co peche de empresas e cunha permanente sangría de postos de traballo no sector primario -agricultura, gandería e pesca- que non obtivo nunca o suficiente apoio e compromiso das diversas institucións públicas para freala. A maiores, a listaxe de empresas mariñás en crise ou que tiveron que pechar nos últimos tempos é longa: Alcoa, Ecar, Madeiras Lourenzo, Ecesa, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, Mobles Hermida… Iso sen mencionar todo o tecido de pequenas empresas familiares rexentadas por traballadores e traballadoras autónomas que tamén se viron abocadas a pechar ou que o están pasando mal. As empresas viables con problemas deberían ser apoiadas sen fendas pola Xunta, a Deputación de Lugo e os concellos competentes; e aquelas cuxa viabilidade non sexa posible, deberíaselles ofrecer plans alternativos que garantan unha saída digna para os seus traballadores e traballadoras e as súas familias.

Ademais, tamén esiximos que o impacto ambiental herdado da actividade industrial, nomeadamente a balsa de lodos tóxicos de Alcoa en San Cibrao, sexa rexenerado pola propia empresa e restaurando o entorno ao seu estado orixinal de maneira que a vida e a actividade económica da comarca non fiquen hipotecadas a un eventual accidente ou rotura do dique que resultaría catastrófico e causaría danos permanentes e irreparables.

Somos unha bisbarra eminentemente rural, cun sector agrogandeiro moi potente que, segundo cos últimos datos do Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2009, mantén máis de 3.500 unidades de traballo agrario, riqueza que se multiplica se pensamos nas empresas auxiliares que dependen do campo.

Porén, a pesares da importancia vital para esta bisbarra dos sectores agrogandeiros, nos últimos anos asistimos a un recorte brutal de servizos públicos de todo tipo que nos afectan a todos e a todas: sanitarios, educativos, sociais, oficinas agrarias comarcais, veterinarios, etc. As persoas que vivimos no rural somos as que padecemos máis estes recortes, pois as escolas e centros médicos que se están a pechar ou recortar son precisamente os de ámbito rural. Neste senso, cómpre demandar a recuperación da área sanitaria da Mariña e unha ampla cobertura en especialidades como Pediatría ou en Atención Primaria que achegue estes servizos esenciais a toda a cidadanía, tamén á do rural.

Ademais, no rural carecemos de transporte público, a calidade das vías de comunicación deixan moito que desexar, por non falar das telecomunicacións. Por se non abondase, vivimos nunha das comarcas galegas máis afectadas pola forestación ilegal de terras agrarias a mans do monocultivo de eucalipto, o que atenta contra a continuidade e desenvolvemento das explotacións agrogandeiras en activo.

Porén, A Mariña é unha bisbarra privilexiada, por clima e calidade das terras, para o desenvolvemento de calquera actividade relacionada coa produción alimentaria. Mais, en vez de ver plans ambiciosos para incorporar xente nova ao agro e xerar postos de traballo nestes sectores, o que estamos a vivir é o peche permanente de granxas precisamente pola falta de apoios públicos e de perspectivas para vivir nun entorno rural en franca decadencia polo abandono institucional.

Por todo isto, porque cremos no futuro da Mariña, e porque estamos convencidos e convencidas de que o futuro da Mariña será rural e agrario ou non será, o Sindicato Labrego Galego estará o 22 de xuño nas rúas de Burela para apoiar a manifestación en defensa do futuro da Mariña.

Sindicato Labrego Galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com