O Sindicato Labrego Galego denuncia que “tivemos constancia de que a empresa Reny Picot está a ofrecer ás granxas que lle abastecen de leite novos contratos por tres meses, unha práctica que roza a fraude xa que, aínda que a Lei da Cadea Alimentaria consínteo se hai acordo entre as dúas partes, todos e todas sabemos en que consisten os acordos no sector lácteo: extorsión das industrias ás granxas aproveitándose da súa posición de dominio na cadea de valor”.
Ademais, continúan, “a empresa está avisando da posibilidade de que, ao pasar estes tres meses, sexa probable que haxa que baixar os prezos nos novos contratos que se fagan a partir de entón. Daquela, é doado sospeitar que Reny Picot está a forzar contratos de tres meses e non dun ano, como obriga a lei, para poder baixar o prezo despois e aforrarse as marxes de nove meses que debería pagar aos prezos actuais se asinase contratos de un ano”. Segundo Sindicato Labrego Galego, “trátase dunha práctica intolerable, máxime cando Galiza segue a ser a comunidade do Estado co prezo medio máis baixo: 32’4 céntimos por litro segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) correspondentes a febreiro de 2020, lonxe do valor medio estatal (33’6 céntimos) ou de comunidades veciñas como Asturias (35’3 céntimos), onde ten a súa matriz Reny Picot”. Este cambio de actitude de Reny Picot coincide co “estoupido da crise polo COVID19, xa que os contratos que estaba asinando antes da emerxencia sanitaria estaban a ser por períodos de un ano”.