O SLG alerta da posible perda de axudas da PAC debido a un sistema electrónico de tramitación “deficiente”

O Sindicato Labrego Galego denuncia “o colapso total na tramitación das axudas da Política Agraria Común (PAC) en Galiza debido ás graves deficiencias do sistema informático que o Ministerio de Agricultura ten para esta finalidade: o SGAPAC”.

Segundo afirman, “trátase dun sistema obsoleto e moi deficiente no que a persoa que tenta tramitar unha axuda pode pasar unha xornada enteira sen dalo feito, debido á súa extrema lentitude e a que o programa queda colgado en canto comezas a subir fotografías das fincas obxecto da solicitude ou arquivos dixitais cun mínimo de peso”.

Estas deficiencias no SGAPAC están a consumir unha cantidade inxente de tempo e xornadas laborais enteiras ás organizacións agrarias e outras entidades que se dedican a prestar servizos de apoio neste tipo de trámites, “traballo que están obrigadas a facer para cubrir unha función que debería xestionar a Consellería de Medio Rural a través das oficinas agrarias comarcais”.

Nestas circunstancias, dende o Sindicato Labrego advirten que “a pesares de terse ampliado o prazo de solicitude das axudas da PAC até o 15 de xuño, moitos e moitas profesionais da agricultura e da gandería poderían perder as subvencións ás que teñen dereito por mor destas deficiencias, xa que vai resultar imposible tramitalas todas a tempo a este ritmo e con estes atrancos, e mesmo a pesares de terse contratado persoal extra por parte de moitas entidades para axilizar o proceso”.

Dende o SLG piden que de maneira urxente, o Ministerio de Agricultura amañe a aplicación informática do SGAPAC, ou lle busque alternativas para capear o mellor posible o actual período de solicitude, e encargue a persoal competente o desenvolvemento dunha nova aplicación informática “para que este problema non se volva repetir en anos sucesivos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com