O SLG chama á unidade para activar medidas urxentes no sector lácteo

O Sindicato Labrego Galego levou a cabo hoxe unha concentración de protesta diante da factoría de Logística Alimentaria en Outeiro de Rei (Lugo).

O sindicato afirmou que teñen constancia de que Logística Alimentariaestá a pagar o leite “a prezos miserables de 17 céntimos por litro a cooperativas como Val de Lemos (Monforte), Cova de Vales (Curtis) ou O Pereiro (Meira); e mesmo casos sangrantes nos que, cando algún gandeiro quixo cambiar de empresa para buscar mellores condicións, en vez de cobrar o leite que lle debían acabou pagando á industria en virtude de cláusulas leoninas e diversas andrómenas legais”.

Na súa intervención diante do cento de gandeiros e gandeiras que participaron no evento, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, xustificou este acto de protesta porque “cremos que, cedo ou tarde, as mobilizacións acabarán aglutinando todo o sector porque a situación é insostible. Calquera granxa, tras levar meses sen dar pagado as facturas a final de mes, e vendo a parálise dos nosos gobernantes, acabará botando man de tódalas ferramentas posibles para facerse oír e para esixir solucións, incluídas as protestas na rúa”.

A secretaria xeral do SLG criticou que a Xunta teña bloqueado “calquera xuntanza dos axentes do sector en foros de diálogo como a Mesa do Leite, que leva anos sen ser convocada de maneira que imposibilita o acordo de solución ningunha. E as solucións deben ser urxentes”, reclamou Isabel Vilalba. “Promover torres de leite en po, como ten anunciado Feijóo na actual campaña electoral, é un absurdo cando o Estado Español é o segundo país comunitario en excedentes deste subproduto lácteo polo que se están a pagar prezos miserables ao redor dos 20 céntimos por quilo, e cando é unha medida que non ofrece ningunha solución inmediata”.

Diante da excepcionalidade da crise, Isabel Vilalba fixo un chamamento á unidade do sector lácteo -sindicatos, cooperativas, etc.- para esixir solucións e saídas inmediatas a unha situación que “xa resulta insostible para a totalidade dos produtores e das produtoras de leite deste país”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com