O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a orde que regula as axudas para paliar os danos do xabaril sobre os cultivos e para o Sindicato Labrego Galego, ditas axudas son“unha vez máis, non só decepciona aos sectores agrícola e gandeiro, senón que semella unha burla cara a eles”, xa que “unha vez máis, a Xunta deixa na estacada aos labregos e labregas e volve facer gala do seu pasotismo á hora de xestionar a convivencia da fauna salvaxe coas actividades agrogandeiras e forestais”.
Segundo o sindicato nacionalista, “para empezar, en 2016 só se concederán axudas para paliar os danos feitos polo xabaril en cultivos do 15 de xullo ao 10 de outubro (non chega 3 meses), quedando os restantes 9 meses sen ningún tipo de cobertura. Deste xeito, os abondosos estragos producidos en cultivos como os cereais ou a pataca no que levamos de 2016 ficarán sen compensar”.
“Por se non abondase”, continúa o sindicato,” dende a Consellaría de Medio Ambiente publicitan que este ano destinarase un orzamento de 600.000 euros para toda Galiza para reparar as desfeitas do xabaril, cantidade irrisoria se a comparamos coas partidas de concellos como Somiedo, na veciña Asturias, onde investirán 300.000 euros para compensar os danos da fauna salvaxe no agro”. Rematan.