O SLG denuncia que Medio Rural deixou 116M€ sen executar en 2018

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia a intención de Medio Rural de rematar coas axudas agroambientais, das que se están a beneficiar ao redor de 4.000 granxas en Galicia, principalmente en Lugo e na montaña de Ourense.

Dende esta organización agraria advirten de que coñecen esta nova a través de fontes da propia Consellería, onde argumentan que non hai unha demanda do sector para seguir apoiando unha liña de subvencións que supoñen un pulo importante para a economía das granxas que practican modelos mais sustentables de produción, vinculados ao territorio, especialmente das granxas de vacún de carne, dados os baixos prezos que perciben polas súas producións.

O Sindicato Labrego Galego, a través da súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, xa solicitara na última sesión do Consello Agrario Galego, celebrada o 21 de xuño, que a Consellaría de Medio Rural crease unha liña orzamentaria para prorrogar estas axudas. O motivo da petición viña dado porque, na conxuntura actual, na que se está preparando unha reforma da Política Agraria Común (PAC) e os orzamentos comunitarios para agricultura están temporalmente conxelados, faise necesario que sexa a propia Consellaría de Medio Rural a que adiante os cartos das axudas agroambientais para 2020 e 2021 de cara a garantir a súa continuidade.

En Castela e León, por exemplo, crearon unha partida extraordinaria de 56 millóns de euros para facelo. Porén, semella que o departamento que dirixe José González quere suprimir directamente estas subvencións coa escusa de que o sector non demandou a súa continuidade, o cal é falso se atendemos as demandas do propio Sindicato Labrego Galego no Consello Agrario.

Para o SLG, este pode ser “un síntoma máis das políticas de recortes da Xunta, cando non da máis que pura incompetencia, que se están a cebar cos orzamentos de Medio Rural”. O informe de contas que publicou a Consellería de Facenda esta mesma semana é ben claro: Medio Rural, cun orzamento de case 514 millóns de euros, só executou 398 millóns. En total, deixou de gastar 116 millóns.

No caso de organismos dependentes desta área, como a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a xestión é de escándalo: só executou o 51% dos 22 millóns que debía xestionar, deixando sen gastar 10 millóns de euros. Por funcións, as contas xerais da Xunta indican que, dos 146 millóns de euros previstos para “actuacións e valoración do medio rural”, quedaron sen gastar 30 millóns; e que en “dinamización económica do medio rural”, quedaron sen executar 75 millóns dos 325 orzamentados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com