O Sindicato Labrego Galego ofreceu unha rolda de prensa para valorar a multa de 88 millóns de euros imposta pola Comisión Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC) a varias industrias lácteas. Esta multa confirma o que organizacións como o SLG levan denunciando durante os últimos 15 anos: que no sector lácteo non existe libre mercado e que as relacións comerciais son unha pura imposición das distribuidoras e das industrias ás granxas a través de varias prácticas ilegais entre as que se atopan a venda a perdas das primeiras ou os pactos de prezos das segundas.
Xabier Gómez Santiso, asegurou que o importe da multa será finalmente pagado polas granxas galegas a quen as industrias están espremendo ao impoñerlles o prezo máis baixo da Unión Europea e do Estado e que, na actualidade, está por baixo dos 30 céntimos. Gómez Santiso explicou que unha simple baixada de 2 céntimos no prezo do leite en orixe suponlle ás explotacións lácteas galegas deixar de ingresar 45 millóns de euros nun ano. Máis alá diso, coa caída brutal sufrida no valor do leite ao longo de 2014, as granxas galegas deixaron de ingresar 50 millóns de euros só no último semestre dese ano se o comparamos co que ingresaron nos seis meses finais de 2013. Estes datos demostran que a multa vana pagar as granxas xa que, a pesares da sanción, o negocio das industrias non se veu afectado e, en calquera caso, ninguén vai devolver ás explotacións os millóns que deixaron de ingresar por esta imposición de prezos de miseria que levan aturando décadas.
Pola súa banda, Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do SLG, chamou a atención sobre a absoluta pasividade das administracións responsables, en especial da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura. Para empezar, a multa ás industrias produciuse porque houbo unha denuncia previa; en caso contrario, non se tería producido a pesares de levarmos tantos anos criticando as prácticas extorsivas da industria. Cendán denunciou que Medio Rural leva de brazos cruzados no sector lácteo dende finais de 2012, cando se convocaron as últimas xuntanzas cos axentes do sector.
Xosé Ramón Cendán fixo un chamamento directo aos presidentes Rajoy e Feijóo para que traballen a prol da agricultura e da gandería coa mesma intensidade coa que traballan para outros sectores como o naval ou automobilístico, pois a produción de alimentos é o primeiro sector produtivo en tódolos países da Unión Europea.