O SLG insta a reabrir as negociacións no sector lácteo

Diante do encontro que se celebrou hoxe, 26 de outubro, en Madrid para ver como evoluciona o “Acordo para a sostenibilidade e estabilidade do sector lácteo”, dende o Sindicato Labrego Galego denuncian que todo o pactado quedou en papel mollado.

Así o afirmaron nunha rolda de prensa en Lugo a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e o coordinador dos Sectores Gandeiros nesta organización agraria, Xabier Gómez Santiso. “A pesares de que unhas poucas distribuidoras anunciaron subas no prezo das marcas brancas de leite que decotío utilizaban como produto reclamo, as industrias trala sinatura do acordo, seguiron obrigando a asinar contratos no abano de prezos miserables a que nos tiñan afeitos e afeitas, con subas entre 0’5 e 1 céntimos no mellor dos casos. E para ilustrar este fracaso, Isabel Vilalba Seivane tirou de varios exemplos dos prezos que se están fixando nos contratos asinados en Galicia logo da sinatura do acordo lácteo”.

Explican que a empresa Celta paga a 27’5 céntimos o litro, cando antes das mobilizacións pagaba a 27 céntimos. E continúan:

“Larsa: o prezo a que paga o leite sae dunha media obtida entre un 80% do valor a partir do prezo marcado pola industria e un 20% do valor a partir do prezo a que cotiza o leite no mercado internacional. Antes das mobilizacións, Larsa creaba o prezo a partir do 70% do valor posto da industria, 20% do valor do mercado internacional e 10% do valor de intervención. O resultado é que paga o litro entre 25 e 26 céntimos”.

Outros datos que achega o sindicato:

-Celega: 25’5 céntimos.
-Lácteos Deza: 22 céntimos.
-Rio: ao redor de 27 céntimos.
-Reny Picot: co 60% do prezo de mercado e o 40% do prezo do leite en po, esta empresa italiana obtén unha media coa que paga o leite entre 24 e 26 céntimos.
-Peñasanta: prezo medio a partir do 80% da cotización de mercado e 20% da cotizacón do leite en po.
-Lácteos Pérez: en preconcurso de acredores, mantén entre 4 e 5 entregas sen pagar ás explotacións que lle fornecen de leite.
-Lácteos Ortegal: tamén acumula varios impagos ás granxas que lle fornecen.
-Entrepinares e Iparlat: están entre as que máis subiron o prezo, cunha alza ao redor de 1 céntimo.
-Danone: contratos á baixa a pesares de aumentar un 4’6% a súa facturación no terceiro trimestre de 2015.

“En resume, os novos contratos que está impoñendo a industria baixo as prácticas comerciais coercitivas e mafiosas que utilizaba antes das mobilizacións, están a repercutir subas insignificantes que non chegan nin a un céntimo, no mellor dos casos, polo que as melloras no prezo que se están a producir nos supermercados só serven para que as industrias aumenten a súa marxe de beneficio ao non repercutir eses incrementos no prezo que lle pagan ás granxas. Tamén é preciso denunciar que, a pesares de que moitas industrias utilizan como baremo na formación de prezos a cotización internacional do leite, tampouco repercutiron nos contratos a revalorización que experimentada nos últimas semanas no mercado global”.

“Trátase dun desafío ao Ministerio de Agricultura, pois no acordo lácteo dicíase, expresamente, que as industrias repercutirían as melloras no prezo que fixesen as distribuidoras. Pero nos novos contratos que se están a asinar, incúmprese este compromiso do mesmo xeito que se incumpren outros, como o desenvolvemento dun modelo de contrato-tipo no seo da Interprofesional Láctea para tomar como referente no sector, ou que o Ministerio de Agricultura regule a actividade dos primeiros compradores, que son os que están a pagar os prezos máis baixos no mercado leiteiro por baixo dos 26 céntimos. Todo isto agrávase co feito de que está a producirse un forte incremento da entrada de leite foráneo no Estado, un feito que non ten xustificación cando se lles está a poñer serias restricións á hora de producir ás nosas granxas e se utiliza o aumento da produción como escusa para baixar os prezos”.

“En canto ao estudo da cadea de valor que se propuxo no acordo lácteo, estanse a manexar niveis de prezos entre 32-33 céntimos como referencia de cara a cubrir os custes de produción, cando nos valores ofrecidos pola Rede Nacional de Granxas Típicas (Rengrati) do Ministerio de Agricultura, o prezo mínimo para cubrir custes nunha granxa galega é de 34’9 céntimos. Ademais, dende as industrias pretenden que ese prezo non sexa asumido só por elas, senón que inclúa outros ingresos como as axudas que perciben as explotacións”.

“Lonxe de darlles un toque de atención ás industrias, o Ministerio de Agricultura reuniuse hoxe con elas, coas distribuidoras, cooperativas e Asaja para analizar a evolución do acordo, excluíndo do encontro ás únicas voces críticas que representan maioritariamente ao sector produtor: COAG, na que se integra o Sindicato Labrego Galego, e UPA”.

Dende o SLG denuncian a marxinación da maioría dos gandeiros e gandeiras do Estado representados e representadas nestas dúas organizacións agrarias, e instan ao Ministerio de Agricultura a convocar á totalidade dos axentes do sector para para retomar as negociacións, de cara a buscar fórmulas que permitan chegar a un acordo que contemple prezos dignos e remuneradores para os produtores e as produtoras.

“Por desgraza, o único que fixo o Ministerio de Agricultura hoxe foi burlarse de miles de gandeiros e gandeiras que non tiveron representación na xuntanza de Madrid e, ao mesmo tempo, sentar coas industrias e distribuidoras que se están a mofar del e do seu acordo lácteo ao incumprilo de maneira flagrante e xeneralizada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com