A Asemblea de Galegas 8M, na Terra Chá, facía público, o pasado 8 de marzo, o seu apoio a Pilar Fernández López, unha muller de Abeledo (Abadín) que precisa unha cadeira de rodas para moverse e que, por mor dunhas obras na estrada, quedou sen acceso para entrar e saír da súa casa sen axuda doutra persoa.
Pilar leva denunciando este problema dende o ano 2013, tanto no propio Concello de Abadín, que, segundo o Sindicato Labrego Galego, “está a poñer todo tipo de atrancos para desentenderse do tema”, como diante da Valedora do Pobo.
Neste contexto, o Sindicato Labrego Galego decidiu dar un paso máis alá á hora de denunciar a vulneración dos dereitos de Pilar Fernández por parte do Concello de Abadín e introducir o tema na orde do día do Consello Galego de Benestar (CGB) que se celebrará este mércores, 20 de marzo. Participará nesta xuntanza, en representación do SLG, Ana Eiras, que é vogal do CGB. Na xuntanza do CGB, a representante do SLG pedirá que “se estude a posibilidade de emprender algunha actuación” para darlle unha solución o máis rápida posible a este problema.