O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito dirixido ao Instituto Nacional de Estatística (INE) pedíndolle que se adíe a realización do Censo Agrario 2020 até que remate o estado de alarma por resultar imposible facelo nos quince días habilitados para tal fin, xa que “a súa complexidade obrigará a moitas persoas a ter que recorrer a asesores aos que, en moitos municipios confinados, non poderán acudir”.
Para o SLG, non existen motivos que xustifiquen a urxencia da recompilación destes datos. Ademais, e en vista de que “moita da información solicitada xa obra nos arquivos da administración”, debería abreviarse o formulario eliminando todas aquelas cuestións que requiran respostas que pode acadar o INE polos seus propios medios.
Nas últimas semanas, o INE estivo remitindo cartas a labregos e labregas cominándoos a cumprimentar o Censo Agrario 2020, algo que é obrigatorio e se ordena cun prazo improrrogable de quince días.
CenTrátase dun formulario dificultoso de cumprimentar, debido á súa extensión (12 páxinas) e á grande cantidade e especificidade dos datos solicitados. Segundo o sindicato, ao tratarse dun sector profesional cunha idade media moi avanzada, “a dificultade da cumprimentación do censo vai obrigar a que moitas persoas acudan a asesorías e organizacións agrarias na busca de apoio para realizar a tarefa”. En Galicia, “isto empeora” pola dispersión poboacional e as distancias entre os domicilios das persoas afectadas e as asesorías ás que deben acudir, ocasionándolles uns gastos e dificultades engadidos que se agravan pola pandemia do Covid-19.
“Cómpre pensar que a maioría das persoas activas en agricultura, por idade, inclúense nos grupos máis vulnerables en caso de contraer a enfermidade; e que os servizos de asesoramento aos que recorren poden estar na capital da comarca, á que non poderían acudir no caso dos peches perimetrais”, conclúen.