O SLG pon en marcha unha campaña para denunciar o contrato lácteo

A Executiva do Sindicato Labrego Galego decidiu hoxe  iniciar unha campaña de denuncia da indefensión que están a sufrir as granxas de leite diante das prácticas extorsivas da industria. Hai días, o SLG xa denunciou que as empresas do sector pretenden obrigar ás explotacións que lles fornecen de leite a asinar contratos por un ano a prezos moi baixos -sempre por debaixo dos 29 céntimos, chegando algúns a 24 céntimos por litro- baixo a ameaza de deixar de recollerlles a produción.

Diante da falla de resposta da Administración, nomeadamente da Consellería de Medio Rural, a Executiva do SLG decidiu poñer en marcha unha campaña na que as primeiras accións consistirán en “denunciar esta problemática diante de institucións como Presidencia da Xunta, grupos parlamentarios ou o Valedor do Pobo; e diante de organismos con competencias para actuar legalmente contra este modus operandi mafioso, tal como a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA)”. Esixirán de novo que a Consellería de Medio Rural convoque aos axentes do sector na Mesa do Leite para tentar solucionar esta crise a través do diálogo.

“En caso de que a Xunta de Galicia continúe instalada na parálise permanente da que está a facer gala e siga sen convocar ao sector, industrias e comercializadoras, daquela o Sindicato Labrego Galego comezará a organizar mobilizacións para tentar obrigar a que o leite teña un prezo que cubra os custes de produción e se manteña como un dos principais sectores produtivos do noso país”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com